FAQ: PREGUNTAS MÁIS COTIÁNS
Como chegar ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia?
Onde se publica a información das actividades e eventos do Centro?
Que tipo de formación se vai impartir?
Como me inscribo nunha actividade formativa ou nun evento?
Como verifico ou anulo unha inscrición?
Quen pode participar nunha actividade formativa?
Pódense realizar varios cursos simultaneamente?
Cales son os prazos de presentación de solicitudes?
Estou admitido/a no curso solicitado?
Existen posibles penalizacións aos alumnos?
É obrigatoria a asistencia ás actividades formativas?.
Como se obtén o diploma acreditativo de asistencia a un curso?
Como se obtén unha certificación profesional?
Cando se realizan as probas de certificación?
En que consiste o módulo de igualdade?
Como chegar ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia?
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) localízase na rúa Airas Nunes s/n, barrio de Conxo, de Santiago de Compostela. O edificio ubícase na zona sur do desenvolvemento urbano de Santiago a carón da igrexa e mosteiro de Santa María de Conxo.
Para máis información consulte a sección Mapa de Acceso.
Onde se publica a información das actividades e eventos do Centro?
A información relativa ás actividades e eventos programados publicarase na páxina web do CNTG (http://cntg.xunta.es). Caso de que teña algunha dúbida ou requira dalgunha información adicional pode poñerse en contacto co persoal do Centro a través dos números de teléfono ou correo electrónico que figuran na sección Contacto da nosa páxina web.
Que tipo de formación se vai impartir?
Será unha formación práctica, intensiva, de calidade, orientada ao mundo laboral e con actualizacións continuas e permanentes a novos produtos e versións O noso obxectivo é formar profesionais cualificados naquelas tecnoloxías con implantación no mercado e coas que o profesional vai interactuar no momento de desenvolver un posto de traballo
Cómo me inscribo nunha actividade formativa ou nun evento?
As inscricións para actividades formativas, cursos, realizaranse unicamente mediante formulario web. A inscrición noutros eventos ou actividades do Centro tales como xornadas, seminarios ou presentacións tecnolóxicas poderá efectuarse, se así se establece expresamente, a través doutras vías como por exemplo o correo electrónico.
Como verifico ou anulo unha inscrición?
Pode consultar a seguinte guía para obter máis información: Guía para realizar inscricións nos cursos do CNTG.
Quen pode participar nunha actividade formativa?
Dependerá de cada activade concreta. En todo caso a convocatoria do curso incluirá a definición dos seus obxectivos, o perfil dos profesionais aos que se dirixe e os requisitos necesarios para ser admitido ao mesmo.
Todos os cursos incluirán a obriga de realizar, con carácter previo á publicación da relación de admitidos, unha proba de coñecementos relacionados coa materia que ten como finalidade determinar o nivel técnico dos solicitantes aos efectos de garantir a homoxeneidade do grupo e a calidade da acción formativa.
Pódense realizar varios cursos simultaneamente?
Dentro da programación formativa para o emprego da Consellería da Traballo e Benestar, programación á que pertence a oferta de formación do CNTG, os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir en ningún caso a outro simultáneamente.
Cales son os prazos de presentación de solicitudes?
Os prazos inicial e final de presentación de solicitudes para inscribirse nun curso figurarán expresamente indicados na ficha a publicar na páxina web do CNTG. A asistencia a outro tipo de eventos, tales como xornadas ou seminarios, virá regulada e publicitada na súa propia convocatoria.
Estou admitido no curso solicitado?
A presentación dunha solicitude para participar nunha acción formativa non implica a admisión automática no curso, debéndose agardar á publicación da relación de alumnos admitidos. Naqueles cursos nos que se produza, con carácter previo ao inicio da actividade formativa, a renuncia dalgún dos admitidos a participar no curso se acudirá á lista de reserva para cubrir as prazas sen adxudicar.
Son gratuitos os cursos?
As actividades formativas do Centro terán carácter gratuíto.
Existen posibles penalizacións aos alumnos?
Se o aspirante seleccionado para a realización dunha actividade docente decide non asistir a ela, deberá comunicar obrigatoriamente a súa renuncia, vía fax ou correo electrónico, ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia con, como mínimo, dous (2) días hábiles de antelación a súa data de inicio. De non facelo así, e salvo motivo debidamente xustificado, non poderá inscribirse nin iniciar ningunha outra actividade formativa (cursos) no prazo de un (1) ano a contar dende a data de comezo do curso ao que non asistiu.
Mesma penalización (1 ano) se aplicará, agás causa debidamente xustificada, a aqueles alumnos admitidos a unha acción formativa que non cumprisen o número mínimo de horas de presenza obrigada. Neste caso o período de penalización empezará a contar a partir do día seguinte ao de remate da acción formativa.
É obrigatoria a asistencia ás actividades formativas?
O persoal admitido a unha actividade formativa de carácter presencial deberá acreditar a súa asistencia polo menos no 85% das horas lectivas de dita actividade. En todo caso as ausencias, que non poderán superar o 15%, deberán estar sempre xustificadas.
Aos efectos de garantir a presenza na actividade formativa do persoal admitido o Centro poderá utilizar diversos métodos de control como a sinatura de partes de asistencia. A sinatura dunha lista de control no nome ou en lugar doutro implica, para a persoa asinante, a súa automática exclusión do curso sen que se lle expida, en ningún caso, o certificado de asistencia.
Estes criterios non se aplicarán naquelas actividades que, pola súa propia natureza non requiran control de presenza, tales como conferencias, coloquios etc ..
Como se obtén o diploma acreditativo de asistencia a un curso?
A realización dun curso, previo cumprimento da cota mínima de presenza definida no punto anterior para actividades formativas con metodoloxía presencial, permite obter o diploma acreditativo de ter realizado dita formación.
Como se obtén unha certificación profesional?
Para obter unha determinada certificación profesional o/a interesado/a deberá estar en posesión do diploma acreditativo de ter realizado dita formación no propio CNTG e superar o correspondente exame certificador que, naquelas convocatorias nas que así se estableza, poderá ser en inglés. O CNTG comunicará aos alumnos con posibilidades de obter dita certificación as datas, horarios e o procedemento a seguir para optar a realizar as correspondentes probas que, por unha única vez, terán o carácter de gratuítas.
En todo caso se a obtención dunha certificación profesional inclúe a obrigatoriedade de realizar varios exames, o CNTG da Consellería de Traballo e Benestar unicamente asumirá o custo de un deles.
Cando se realizan as probas de certificación?
Con carácter xeral anualmente se convocarán dous períodos certificadores: Un en xaneiro, para os cursos realizados no cuarto trimestre do ano anterior, e outro en xuño para aquelas accións formativas impartidas nos dous primeiros trimestres do ano en curso. Estas datas son orientativas e porán estar suxeitas a cambio por mor do desenvolvemento e evolución de cada programa formativo.
En que consiste o módulo de igualdade?
De acordo co disposto no artigo 33 da Lei 2/2007, de 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, en TODOS os cursos programados impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica. A duración do módulo será de 5 horas lectivas, a incrementar sobre as que figuren no programa, cando os cursos sexan de duración menor ou igual a 50 horas, e de 10 horas lectivas cando a duración do curso sexa superior a 50 horas. Os alumnos que teñan realizado o módulo de igualdade e previa xustificación documental de tal circunstancia no terán a obriga de volver a realizalo.